Estudo
realizado polo alumnado de 1º de ESO en base ó rexistro de peregrinos proporcionado
pola Igrexa parroquial de Ribadeo:
De onde proceden os peregrinos que pasan por Ribadeo?
Segundo o rexistro
parroquial, contabilizamos o paso pola nosa vila dun total de 140 peregrinos no
período que vai dende o 13 de xaneiro ó 7 de xuño de 2019. Porén, a súa
procedencia foi moi variada, sorprendéndonos en moitos casos a distancia
percorrida por moitos peregrinos para facer o Camiño de Santiago.
A escala
continental, puidemos comprobar que a gran parte dos peregrinos, un 83% do
total, procede do noso continente, Europa, algo que xa esperabamos, posto que o
camiño Norte é o máis próximo para as xentes dos países do centro e norte do
continente.
En primeiro posto
estarían os camiñantes que proceden de distintos puntos de España, conformando
un total de 37 peregrinos. Segundo o rexistro, a maior parte dos peregrinos
españois proceden de Oviedo (14) e Barcelona (8), datos que non nos estrañan,
xa que o Camiño Norte é das rutas máis facilmente accesibles para as provincias
do norte. Por isto mesmo, o número de peregrinos redúcese a medida que
descendemos cara provincias do centro e sur español, como Toledo (1),
Guadalaxara (2), Madrid (2) ou Sevilla (1), xa que seguramente sexa máis común
optar por outras rutas do Camiño.
Analizando os datos
dos demais países europeos, vimos unha clara maioría corresponde a peregrinos
que veñen dende Alemaña, posto que de 117 europeos conforman o total, 34 son
alemáns. Os 83 peregrinos restantes veñen en cantidades pequenas, pero podemos
destacar os casos de Francia (8 peregrinos), Italia (7 peregrinos) e Inglaterra
(4). Aínda menor é o número de peregrinos que proceden de Europa do norte e
este: Suecia, Letonia, Lituania, Estonia, Rusia e Ucraína.
Bastante por detrás
dos europeos estarían os peregrinos procedentes do continente americano, un 13%
do total, mais un número que chama a nosa atención, xa que isto indícanos que
moita xente está disposta a facer unha gran viaxe por vir a coñecer o Camiño do
Norte. Dentro desta porcentaxe atopamos peregrinos tanto de América do Norte
(Estados Unidos e Canadá), como de América Central e do Sur (México, Arxentina
e Brasil).
O mesmo acontece no
caso do 5% restante de peregrinos procedentes de Oceanía (3 peregrinos de
Sidney, Australia) e de África (2 peregrinos de Cidade do Cabo, Sudáfrica). Estas
últimas cantidades son pequenas, pero considerámolas moi significativas,
especialmente no caso dos peregrinos australianos que comezaron o camiño en
Oviedo, xa que antes tiveron que facer unha viaxe de moitas horas para chegar
ao seu destino inicial.
Para analizar a
maior ou menor afluencia de peregrinos, decidimos seleccionar unicamente os
datos de xaneiro a maio, posto que o rexistro só alcanza ata a primeira semana
de xuño.
A simple vista, tal
e como podemos observar na gráfica que realizamos a partir destes datos,
destaca o aumento do paso de peregrinos pola nosa vila a partir do mes de
marzo, alcanzando o máximo en abril e maio.
A principal causa disto
consideramos que é de tipo climática, xa que nos meses de xaneiro e febreiro
estamos en pleno inverno, e a choiva e o frío dificultan facer o camiño. A
cantidade de peregrinos aumentaría, pois, en primavera, cando as temperaturas
son máis agradables e as precipitacións diminúen. Por iso, a pesar de non ter
os datos de todo o mes de xuño, podemos predicir que a cantidade de peregrinos
que pasen por Ribadeo sexa igual ou, posiblemente, maior que en maio, posto que
o verán está a chegar.
Onde inician o camiño?
Polo que respecta ó
punto de inicio escollido polos camiñantes, puidemos comprobar como a maioría
opta por facer o camiño completo, comezando a súa experiencia en Irún, no País
Vasco. Nesta cidade iniciaron o Camiño Norte 36 dos peregrinos rexistrados. Tamén
destaca a elección doutras localidades vascas, como Bilbao (19), San Sebastián
(7) ou Hondarribia (2).
Outro menor grupo
de peregrinos comeza o camiño en distintas localidades de Cantabria (Santander,
Comillas, San Vicente de la Barquera) ou Asturias (Oviedo, Luarca, Navia ou Cudillero).
Sen embargo, percibimos un maior aumento no número de camiñantes que escollen
Ribadeo como punto de inicio, sendo 25 o total rexistrado.
Prefiren ir sós ou acompañados?
Posto que o
rexistro tamén nos indica o número de peregrinos que conformaba cada un dos
grupos que pasaron pola Igrexa parroquial, podemos saber cales son as
preferencias dos camiñantes á hora de decidir sobre a compañía durante esta
experiencia.
Analizados os
datos, comprobamos que a maior parte dos peregrinos realizan sós o camiño, un
segundo grupo está facéndoo acompañado doutra persoa, mentres que nun terceiro
e cuarto lugar atopamos grupos máis ou menos grandes de peregrinos.
Partindo destes
datos, podemos supoñer que a maioría da xente prefire realizar o camiño de
maneira individual, quizás algúns a consideran unha experiencia que é mellor
vivir por eles mesmos.