xoves, 20 de xuño de 2019

Que sabemos dos peregrinos que pasan por Ribadeo?

Estudo realizado polo alumnado de 1º de ESO en base ó rexistro de peregrinos proporcionado pola Igrexa parroquial de Ribadeo:


De onde proceden os peregrinos que pasan por Ribadeo?


Segundo o rexistro parroquial, contabilizamos o paso pola nosa vila dun total de 140 peregrinos no período que vai dende o 13 de xaneiro ó 7 de xuño de 2019. Porén, a súa procedencia foi moi variada, sorprendéndonos en moitos casos a distancia percorrida por moitos peregrinos para facer o Camiño de Santiago.

A escala continental, puidemos comprobar que a gran parte dos peregrinos, un 83% do total, procede do noso continente, Europa, algo que xa esperabamos, posto que o camiño Norte é o máis próximo para as xentes dos países do centro e norte do continente.

En primeiro posto estarían os camiñantes que proceden de distintos puntos de España, conformando un total de 37 peregrinos. Segundo o rexistro, a maior parte dos peregrinos españois proceden de Oviedo (14) e Barcelona (8), datos que non nos estrañan, xa que o Camiño Norte é das rutas máis facilmente accesibles para as provincias do norte. Por isto mesmo, o número de peregrinos redúcese a medida que descendemos cara provincias do centro e sur español, como Toledo (1), Guadalaxara (2), Madrid (2) ou Sevilla (1), xa que seguramente sexa máis común optar por outras rutas do Camiño.

Analizando os datos dos demais países europeos, vimos unha clara maioría corresponde a peregrinos que veñen dende Alemaña, posto que de 117 europeos conforman o total, 34 son alemáns. Os 83 peregrinos restantes veñen en cantidades pequenas, pero podemos destacar os casos de Francia (8 peregrinos), Italia (7 peregrinos) e Inglaterra (4). Aínda menor é o número de peregrinos que proceden de Europa do norte e este: Suecia, Letonia, Lituania, Estonia, Rusia e Ucraína.

Bastante por detrás dos europeos estarían os peregrinos procedentes do continente americano, un 13% do total, mais un número que chama a nosa atención, xa que isto indícanos que moita xente está disposta a facer unha gran viaxe por vir a coñecer o Camiño do Norte. Dentro desta porcentaxe atopamos peregrinos tanto de América do Norte (Estados Unidos e Canadá), como de América Central e do Sur (México, Arxentina e Brasil).

O mesmo acontece no caso do 5% restante de peregrinos procedentes de Oceanía (3 peregrinos de Sidney, Australia) e de África (2 peregrinos de Cidade do Cabo, Sudáfrica). Estas últimas cantidades son pequenas, pero considerámolas moi significativas, especialmente no caso dos peregrinos australianos que comezaron o camiño en Oviedo, xa que antes tiveron que facer unha viaxe de moitas horas para chegar ao seu destino inicial. 



En que meses é maior a afluencia de peregrinos na nosa vila?




Para analizar a maior ou menor afluencia de peregrinos, decidimos seleccionar unicamente os datos de xaneiro a maio, posto que o rexistro só alcanza ata a primeira semana de xuño.
A simple vista, tal e como podemos observar na gráfica que realizamos a partir destes datos, destaca o aumento do paso de peregrinos pola nosa vila a partir do mes de marzo, alcanzando o máximo en abril e maio.

A principal causa disto consideramos que é de tipo climática, xa que nos meses de xaneiro e febreiro estamos en pleno inverno, e a choiva e o frío dificultan facer o camiño. A cantidade de peregrinos aumentaría, pois, en primavera, cando as temperaturas son máis agradables e as precipitacións diminúen. Por iso, a pesar de non ter os datos de todo o mes de xuño, podemos predicir que a cantidade de peregrinos que pasen por Ribadeo sexa igual ou, posiblemente, maior que en maio, posto que o verán está a chegar.



Onde inician o camiño?

Polo que respecta ó punto de inicio escollido polos camiñantes, puidemos comprobar como a maioría opta por facer o camiño completo, comezando a súa experiencia en Irún, no País Vasco. Nesta cidade iniciaron o Camiño Norte 36 dos peregrinos rexistrados. Tamén destaca a elección doutras localidades vascas, como Bilbao (19), San Sebastián (7) ou Hondarribia (2).

Outro menor grupo de peregrinos comeza o camiño en distintas localidades de Cantabria (Santander, Comillas, San Vicente de la Barquera) ou Asturias (Oviedo, Luarca, Navia ou Cudillero). Sen embargo, percibimos un maior aumento no número de camiñantes que escollen Ribadeo como punto de inicio, sendo 25 o total rexistrado.



Prefiren ir sós ou acompañados?
Posto que o rexistro tamén nos indica o número de peregrinos que conformaba cada un dos grupos que pasaron pola Igrexa parroquial, podemos saber cales son as preferencias dos camiñantes á hora de decidir sobre a compañía durante esta experiencia.

Analizados os datos, comprobamos que a maior parte dos peregrinos realizan sós o camiño, un segundo grupo está facéndoo acompañado doutra persoa, mentres que nun terceiro e cuarto lugar atopamos grupos máis ou menos grandes de peregrinos.


Partindo destes datos, podemos supoñer que a maioría da xente prefire realizar o camiño de maneira individual, quizás algúns a consideran unha experiencia que é mellor vivir por eles mesmos.